martes, 24 de abril de 2012

SEMPRE EN GALICIA

HISTORIAS DE GALICIA 9

A serie Historias de Galicia que dirixe Xosé Manuel Vega e presenta Xosé Barato ofrece esta noite "Sempre en Galicia". A emigración galega foi un fenómeno histórico que condicionou profundamente a nosa realidade; estivo motivado na maioría dos casos por un desaxuste entre a poboación e os recursos dispoñibles. Pero os recursos dun país están condicionados pola súa estrutura económica. En Galicia non houbo unha burguesía que impulsase unha actividade industrial que absorbese o excedente agrario; o que houbo foi unha clase dirixente que preferiu seguir parasitando de privilexios anacrónicos -os foros- antes ca impulsar ningunha reforma. Como protesta os galegos emigraron masivamente: os dous millóns fóronse entre 1860 e 1970.
No século XIX os emigrados foron deixando este país, coma un exército de man de obra barata, sempre coa esperanza do retorno. Unha pequena porcentaxe deles fixo fortuna; algúns regresaron e buscaron o recoñecemento social no seu lugar de orixe. A Guerra Civil e o franquismo forzaron o exilio dos galegos máis preclaros e comprometidos coa Terra. Castelao ou Seoane simbolizan o que fixo a emigración pola identidade de Galicia. A partir de 1960 a emigración galega ten como destino Europa Occidental e outras zonas do Estado español coma Cataluña, Euskadi e Madrid.

No hay comentarios:

Publicar un comentario